miércoles, 6 de junio de 2018

3º VISITA SANTIAGO DE COMPOSTELA


O alumnado de 3º de primaria, o 15 de maio, achegouse ata a capital de Galicia, Santiago de Compostela.

De camiño ata alí Rocío, nai de Andrea, foi amenizando o traxecto poñendo música e contándolles aos cativos algo de historia da Catedral de Santiago así como lendas sobre ela.

A primeira parada foi no Museo do Pobo Galego, onde fixeron un xogo de pistas no que tiñan que ir recorrendo as distintas salas (mar, oficios, música, campo, sociedade…) para buscar a solución.

Ao rematar achegáronse ao Panteón de Galegos Ilustres, na capela de Santo Domingo de Bonaval, onde descansan os restos de varios persoeiros da cultura galega como Rosalía de Castro, Castelao, Domingo Fontán, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas...

Tras isto atravesaron as fermosas rúas de pedra da cidade ata chegar a Praza do Obradoiro, onde descansaron un ratiño e tomaron a merenda aos pés da marabillosa Catedral de Santiago. Logo entraron nela para darlle a tradicional aperta ao Apóstolo e ver onde están os seus restos.

Á saída da Catedral volveron para a praza do Obradoiro, onde os agardaba o tren turístico que os levaría polas principais rúas da cidade. A todos lles encantou ir no tren!

Tras baixar do tren foron camiñando ata o Parque de Vista Alegre onde xantaron, xogaron e comeron xeados.

Ao ladiño deste parque estaba a derradeira parada deste día, o Museo de Historia Natural, no cal entraron pola tarde. Con Dani, o guía, foron percorrendo as diferentes partes deste estupendo museo e el íalles explicando cousiñas sobre os animais vertebrados e invertebrados, as plantas, os mofos, os minerais... e tamén sobre os diversos hábitats e ecosistemas que nos atopamos no mundo.

A saída do museo tiveron un ratiño para merendar antes de comezar o camiño de regreso ao colexio.





































Pasámolo xenial! 





jueves, 24 de mayo de 2018

INDAGANDO SOBRE AS PLANTAS


Este trimestre aos alumnos de terceiro de primaria tocoulles estudar as plantas na materia de ciencias da natureza.  
Dende ben pequeniños os cativos están rodeados de natureza e tanto familias como docentes debemos fomentar e concienciar da importancia e necesidade de coñecer e coidar o medio ambiente.
Primeiramente estiveron nas aulas lendo e vendo vídeos sobre as características das plantas, as súas partes e formas de clasificalas. Tamén aprenderon como se alimentan e se reproducen.







Pero como non hai nada mellor que aprender  experimentando e observando no propio medio, o pasado xoves 10 de maio deron un paseo ao carón do río Bispo para contemplar in situ a propia natureza.
Durante o camiño viron as distintas herbas, arbustos e árbores que ían aparecendo: estraloques, botóns de ouro, salgueiros, bidueiros, estrugas, mentraste...  Comprobaron como varían os talos das plantas e cotexaron con outras diferentes. Tamén observaron plantas con flores e sen elas, coñeceron diferentes flores e as analizaron. Tamén colleron follas para inspeccionar os seus bordos  (liso, dentado e lobulado) e as diferentes formas que poden ter (redondeada, agulla, lanceolada, palmeada, triangular, redondeada...)











E como algúns dos terreos que bordean o río están cultivados, tamén se fixaron nos diferentes froitos que dá a terra: leitugas, chícharos, cebolas...  froitos que varían ao longo do ano dependendo da estación.
Xa ao final do camiño sentaron para cubrir unha ficha coa información recollida durante o sendeiro.
Tras isto, regresaron ao colexio e polo camiño seguiron vendo diferentes follas e flores.















XENIAL RAPACES E RAPAZAS!

lunes, 14 de mayo de 2018

PERCORRENDO O MUNDO


Este trimestre como ben sabedes, estamos inmersos no noso proxecto " A volta ao mundo", onde imos percorrer os monumentos máis importantes do noso planeta. 
Cada un dos nenos e nenas leva un tempo indagando sobre o monumento que lle tocou, descubrindo as súas curiosidades e peculiaridades. Pois ben, que mellor maneira de seguir aprendendo que da man dunha das mamás da nosa clase, Rocío, a mamá de Andrea. 
Rocío estudou Turismo e traballa nunha axencia de viaxes, facendo de guía turística en diferentes países, porque o lema da súa axencia é "Eu estiven alí". E vaia se estivo, moitos dos monumentos que nós estamos estudando, ela tivo a gran sorte de visitalo e contarnos un montón de curiosidades e anécdotas que non saen nos libros. Falounos de Exipto, das súas magníficas pirámides, da Esfinxe...de Camboia, de Vietnan, de Italia, de Kenia, de Croacia, de Arxentina... que difícil facer un percorrido por todos eles con tan pouco tempo!



Contounos que cando era nova estivo traballando de aupair en Estados Unidos e que aproveitaba cada fin de semana para percorrer os diferentes estados. 
 Tamén trouxo un montón de álbums, onde puidemos ver as diferentes marabillas que nos foi contando. 




Foi unha xornada estupenda para todos nós, porque aprendemos dunha forma moi dinámina e divertida as diferentes costumes dos outros continentes.




MOITAS GRAZAS ROCÍO! Foi un pracer escoitar todas as túas historias e aventuras! Que envexa de verdade!! ;)
Grazas polo teu tempo, pola túa axuda e por traernos un montón de material!! :)






VACACIÓNS DE SEMANA SANTA

Bueno, chegaron as vacacións, unha tristeza que sexa nesta situación pero hai que ser positivos, a saúde é o máis importante.  Agora desc...