"Os maiores" estabamos moi ilusionados por poder pasar un ratiño cos pequenos, e estes quedaron abraiados cando chegamos, pois non están acostumados a ver tanta rapazada na súa aula.
Xa levábamos uns días preparándoo todo. Escollemos, con moito agarimo, os contos que lles iamos ler: "As cores de Elmer", "Os bolechas", "Onde está o meu coelliño", "A bruxa Brunilda", "Onde está a neve", "A granxa" ...e outros moitos e os pequeniños gozaron un montón mentres lle leiamos. Tamén nos días previos á visita fixemos na aula un pequeno agasallo e llo entregamos ao final, antes de voltar ao colexio. Eran unhas "gafas máxicas" para poder viaxar polo mundo dos contos. Ese universo fantástico e marabilloso, onde podemos atopar monstros, fadas, fantasía, amor, amizade, aventuras, diversión, risas e outras moitas cousas máis.
Algúns atopamos alí aos nosos irmáns, curmáns ou veciños e ... outros, que nos temos a sorte de gozar a cotío da compaña dos máis pequechos, notamos coma un sentimento de inmensa tenrura espertábase en nós.
Pasamos un tempiño moi agradable!
No hay comentarios:
Publicar un comentario