Este martes o alumnado de 4º A estivemos de visita na Asociación de Párkinson de Bueu. Co gallo do noso proxecto sobre a saúde, cada parella indagou sobre unha enfermidade, investigaron os seus síntomas, nomes científicos, tratamentos, hábitos saudables...e moitas curiosidades máis. Pois ben, unha parella fixo un bo traballo sobre a enfermidade do Párkinson e que mellor forma de seguir aprendendo que visitando esta asociación no noso pobo.
Cando chegamos recibiunos a presidenta da asociación, Begoña. Un grupo de persoas maiores estaban esperándonos con moita ilusión.
Estivemos falando un bo anaco sobre nós e tamén eles se presentaron, Cholo, Tito, Lina, Carme, Gerardo, Mercedes, Pepita, Pura...e moitos máis contáronnos as súas vidas de cando eran novos. Falamos dos distintos oficios que tiveran; mariñeiros, porteiro de fútbol, traballadoras de fábricas, dependenta en Arxentina, modistas, asistentas, cociñeiras e incluso un deles dou tres veces a volta ao mundo a bordo dun transatlántico.
Vidas moi distintas porén con algo en común, a enfermidade do Párkinson. Moitos deles levan indo aí dende hai moitos anos, sendo xa como unha pequena familia, onde todos xuntos traballan día a día para levar mellor a súa enfermidade. Todos se sinten mellor grazas ás fisioterapeutas, ás clases na piscina, ás clases co logopeda, ás xuntanzas de cada día onde cantan, colorean, falan... porque eso é o que fan as familias, apoiarse uns a outros e sentirse queridos.
Pasamos unhas horiñas con eles e puidemos incluso facer ximnasia xuntos. Pasámolo xenial!
GRAZAS A TODOS ELES, GRAZAS Á ASOCIACIÓN POR RECIBIRNOS E PODER VER O MARABILLOSO TRABALLO QUE FACEDES!
No hay comentarios:
Publicar un comentario